O pasado mes de marzo, seis participantes do club de lectura en alemán desprazáronse ata a Brandenburgo para coñecer a realidade da paisaxe e a poboación desta zona de Alemaña, onde se ambienta o libro Unterleuten da autora Juli Zeh. Con elas e con eles viaxaban María José e Begoña, do departamento de alemán, que fixeron de guía durante o percorrido a pé pola zona de Bernau bei Berlin, os dazaoito kilómetros que os levaron polas terras de Gombrowski, Kron e Schaller e dos que deixaron a capital para ir vivir ao campo. Así coñeceron as terras que ao fin serven de base para os extensos parques eólicos que protagonizan a historia de Unterleuten.
Para complementar esta experiencia, visitaron a Biblioteca Pública de Potsdam, onde foron moi ben acollidos por Frau Mattekat e Herr Thiel, que lles falaron da historia de biblioteca, da súa xestión, dos seus servizos e das actividades que organizan en colaboración con outras institucións.
Na biblioteca, asistiron a un concerto-comic, onde se combinaban a interpretación ao piano de varias pezas compostas para a ocasión coa proxección de extractos de cinco cómics sobrea a vida de cinco mulleres xudeo-alemás, que destacaron en diferentes ámbitos culturais e científicos.
Continuando coa liña literaria da mobilidade, asistiron a un obradoiro literario da man de Olalla Castro-Klich, escritora e debuxante lucense, afincada en Potsdam. Ela deulles a coñecer a súa obra, que trouxeron tamén para a biblioteca da escola, e traballaron creando palabras e exemplos de Blackoutpoetry.
Tamén coñeceron o labor da asociación Atenea, que reúne familias de orixe hispano, dirixida por mulleres, e que comezou a súa andaina, para as mulleres, aínda que agora ofrece actividades para toda a familia.
Visitaron o Frauenzentrum e a exposición Gemeinsam gegen Sexismus, que tamén trouxeron para a escola e que proximamente poderedes visitar polos corredores.
Proximamente compartirán con toda a comunidade educativa máis detalles desta experiencia, que contribúe a fortalecer a dimensión europea e internacional da EOI de Lugo.


