‘What’s the story?’
Historias que nos unen
É increíble o poder de unión das historias. Recordo que hai xa moitos anos lin unha chamada ‘Homesickness’, do autor irlandés George Moore. Trataba (contén ‘spoiler’) sobre un home irlandés que emigra a Nova York a finais do século XIX e que regresa, eventualmente, á súa vila irlandesa, tratando de recuperarse dunha enfermidade. Alí coñece unha muller coa que inicia unha relación e que está a piques de facelo quedar na súa vila natal para sempre. Porén, el non pode evitar sentir que a Irlanda lle falta a emoción das grandes cidades; que as conversas dos seus concidadáns son banais e reflicten resignación, carecen de ambición. Particularmente emotiva é a escena final, na que se despide de Margaret, esa muller irlandesa que lle fai dubidar. Míntelle dicindo que volverá para estar con ela, sabendo que iso non pasará. Desexando que o barco o devolva a América, onde considera que está o seu novo fogar, que sente máis próximo a el ca os verdes prados irlandeses. Anos máis tarde, sendo ancián, viúvo e pai de numerosos fillos, descobre que o único que ocupa a súa mente son os verdes prados de Irlanda e aquela muller á que renunciou. Dáse conta do grande erro que cometeu. Como dixo Moore, ‘A man travels the world in search of what he needs, and then he returns home to find it’.
Moito máis recentemente, outro autor irlandés, Colm Tóibín, recordoume esa nostalxia infinita de Moore na súa novela ‘Brooklyn’, na que unha muller irlandesa, nos anos 50, emigra do mesmo xeito a Nova York, un pouco levada polas circunstancias. Cando volve temporalmente a Irlanda, coñece tamén a un home que lle fai dubidar da súa vida no novo continente e se ve enfrontada a unha decisión crucial: quedar coas súas raíces ou voar ao seu novo fogar en América. Ámbalas dúas historias me conmoveron pola súa capacidade de conectar co ser humano. Coa nosa necesidade de buscar fóra de nós a nosa esencia, sen saber que en realidade, a viaxe é a que nos reconcilia con quen somos. Tamén as dúas historias me conectaron de xeito poderoso con Galicia: o verdor, as raíces, a choiva, a nostalxia, a migración… A morriña polo que tantas galegas e galegos deixaron atrás e, ao mesmo tempo, a ansia por progresar, pola busca dun futuro. A literatura, como todas as artes, ten a capacidade de tocar as almas. E os clubs de lectura fan esta experiencia aínda máis especial, permitindo compartir o que os libros nos fan sentir. E neste caso concreto, Irlanda foi a que nos uniu nun club de lectura chamado ‘Irish Vibes’, no que descubrimos dous universos paralelos en Enniscorthy e Dublín. Primeiro, a través das follas dos libros, e despois, grazas a unha mobilidade Erasmus+, en persoa.
A nosa estancia de cinco días na Illa Esmeralda permitiunos percorrer as mesmas rúas, visitar os mesmos edificios, sentarnos nos mesmos bancos e apreciar as mesmas paisaxes que apreciaron Eilis Lacey, Frances Flinn ou calquera dos personaxes de ‘Brooklyn’, de Colm Tóibín, e ‘Conversations with friends’, de Sally Rooney, a outra novela do noso club.
Pero a viaxe non só reforzou o vínculo creado desde que compartimos a lectura destas dúas novelas ao transportarnos a elas. Tamén nos descubriu o poder de unión de crear historias, non só de lelas. Isto debémosllo ao grupo de escrita creativa da Biblioteca Pública de Enniscorthy, e á Organización Fighting Words, en Dublín. No primeiro caso, fomos acollidos da mellor das maneiras por un grupo de escritores afeccionados, aínda que algúns deles escribiran tamén profesionalmente. Comezamos a sesión lendo as historias que traían escritas da casa, e tamén nos invitaron a ler os pequenos relatos que quedaramos en escribir, incluíndo unhas determinadas palabras. Sorprendeume non só a calidade das súas historias, senón tamén a complicidade deste grupo de persoas, o entusiasmo co que lían o escrito e o respecto polo traballo dos compañeiros. A maioría era xente de avanzada idade que conservaba un talento e empoderamento digno de admirar.
A sesión, que durou unha boa hora e media, estivo repleta de actividades que impulsaban a nosa creatividade. Recordo especialmente unha na que nos presentaron a foto dun home maior, sentado diante dun café, nunha cafetería calquera. A súa expresión denotaba cansazo e o seu rostro engurrado facía intuír unha vida chea de vivenzas. Nuns minutos tivemos que construír o personaxe: o seu nome, traballo, mascota, afeccións, personalidade… Analizámolo polo miúdo e foi moi curioso ver as diferentes miradas que cada un de nós tiña sobre el. Probablemente influídos pola nosa propia visión do mundo e as nosas experiencias. Darlle vida entre todos a ese personaxe foi, sen dúbida, algo especial. E aí foi cando me decatei de que dúas persoas poden mirar o mesmo e construír relatos distintos, e que iso, en realidade, é o que estamos facendo todo o tempo sen darnos conta: cando lemos e contamos historias; cando aprendemos linguas; cando viaxamos.

A segunda experiencia reveladora tivo lugar na sede de Fighting Words, en Dublín, organización benéfica fundada, entre outras persoas, polo escritor irlandés Roddy Doyle. Promoven a escritura creativa entre nenos e adolescentes, así como entre adultos con necesidades específicas e colectivos varios, como mulleres exiliadas ucraínas ou traballadores do porto de Dublín. O seu obxectivo é que a escritura se vexa como un medio divertido e poderoso de expresión propia que axuda a reforzar a nosa personalidade. Unha rede de voluntariado fai posible ofertar programas de forma gratuíta para fomentar a creatividade e conseguir que todxs xs integrantes do programa se sintan parte do proxecto, que usen a súa voz sen ser corrixidos nin xulgados. Puxemos en práctica estas dinámicas, coma improvisar diálogos nos que cada unha das nosas frases tiña que comezar por unha letra do abecedario, ou escribir entre todos unha historia común, dende decidir os personaxes ata inventar os diálogos e tomar decisións sobre a trama. Estas pequenas obras finalmente se representan e incluso se publican periodicamente en compilacións, ou mesmo como suplemento no xornal ‘The Irish Times’. Pareceume especialmente enxeñoso o xefe de redacción roñón Mr. McConkey, un personaxe ficticio (os nenos só escoitan a súa voz, pero nunca o chegan a ver), que se emperra en dicir que os nenos e as nenas non son quen de escribir historias. Este continuo desafío motiva aos cativos a demostrarlle que está equivocado. E aparentemente, leva 15 anos comprobando que non ten razón.
‘What’s the story?’ é unha expresión que se emprega no inglés de Irlanda para preguntar “Que hai?”, “Que tal?”. Ou incluso ‘Story?’ (“Que pasa?”, ” Que contas?”), e sen dúbida, Irlanda é unha terra de contadores de historias, coma Galicia. Pero o que nos quedou claro, despois do noso periplo irlandés, é que as grandes historias son universais e individuais. Todos podemos contar un relato diferente, e apreciar o relato do compañeiro sen deixar de ser nós. E é nesta viaxe, a Irlanda e ao máis profundo da nosa creatividade, onde descubrimos a nosa esencia; a nosa propia voz.
‘Le véritable voyage de découverte ne consiste pas à chercher de nouveaux paysages, mais à avoir de nouveaux yeux.’ (Marcel Proust)
Gema


